Policía

Bases específicas para el ingreso en la Policía Local en turno libre

Ingreso na categoría de policía: probas selectivas e temario


  1. Probas selectivas.

A.1. Comprobación da estatura e probas de aptitude física.
-Comprobación da estatura.

Antes de comezar as probas físicas efectuarase o control da estatura dos/as aspirantes, quedando eliminados/as os/as que non acaden a estatura mínima de 1,65 metros para os homes e 1,60 metros para as mulleres.

-Probas físicas.

As probas de aptitude física terán a cualificación de apto ou non apto. Para obter a cualificación de apto é necesario non superar as marcas establecidas como máximas para as probas A.1.1, A.1.4 e A.1.5, e alcanzar ou superar os mínimos das probas A.1.2 e A.1.3. Os exercicios realizaranse pola orde en que están relacionados e cada un é eliminatorio para realizar o seguinte.

Establécense diferentes marcas para cada sexo. As probas realizaranse de forma individual, agás as de velocidade, resistencia xeral e natación que poderán facerse de forma colectiva se así o considera o tribunal cualificador. Nas probas de resistencia xeral e natación, disponse dunha soa posibilidade de execución, no resto permitirase unha segunda realización cando na primeira non se obteña a cualificación de apto.

O desenvolvemento de cada unha das probas físicas deberá realizarse en lugares axeitados ao tipo de proba a executar. En todas as probas deberase empregar un sistema de medición que garanta a exactitude e certeza das marcas individuais obtidas por cada opositor.

A.1.1. Proba de velocidade: carreira de 50 metros lisos.

Realizarase nunha pista de atletismo ou calquera zona totalmente chaira de terreo compacto.

O/a aspirante colocarase na pista no lugar sinalado, podendo realizar a saída de pé ouagachado, sen utilizar tacos de saída.

As marcas máximas (en minutos) exixidas para a superación da proba son:

Homes: 7,40´.

Mulleres: 8,20´.

A.1.2. Proba de potencia de tren superior: os homes realizarán flexións de brazos e as mulleres suspensión en barra.

A.1.2.1. Flexións de brazos.

Realizarase en ximnasio ou campo de deportes.

Iniciarase desde a posición de suspensión pura, agarrando a barra coas palmas das mans núas, á fronte, e cos brazos totalmente estendidos.

 

A flexión completa realizarase de maneira que o queixo asome por enriba da barra. Antes de iniciar outra nova flexión será necesario estender totalmente os brazos. Non se permite o balanceo do corpo ou a axuda con movementos das pernas.

Contaranse soamente as flexións completas e realizadas correctamente. O número mínimo exixible é de 10 flexións.

A.1.2.2. Suspensión en barra.

Realizarase en ximnasio ou campo de deportes.

O exercicio consiste en quedar, o maior tempo posible, na posición que se describe: brazos flexionados, presa coas palmas da man cara atrás, pernas completamente estendidas e sen tocar o chan, queixo situado por enriba da barra e sen ter contacto con ela.

O tempo mínimo exixido para a superación da proba é de 52 segundos.

A.1.3. Proba de potencia de tren inferior: salto horizontal.
Realizarase en ximnasio ou campo de deportes, con chan horizontal e, coa superficie adecuada para efectuar a medición das marcas.

O/a aspirante colocarase de pé detrás dunha liña sen pisala, cos pés separados, paralelos entre si e á mesma altura. Realizará un salto horizontal caendo cos dous pés ao chan Medirase a distancia entre a liña de saída ata a marca do apoio de caída máis próximo á liña.

As marcas mínimas exixidas (en centímetros) para a superación da proba son:
Homes: 210 cm.

Mulleres: 185 cm.

A.1.4. Proba de resistencia xeral: carreira de 1.000 metros lisos.

Realizarase en pista de atletismo ou en calquera zona totalmente chá de terreo compacto.
O/a aspirante colocarase na pista no lugar indicado. A saída realizarase en pé.
Será eliminado o corredor que abandone a pista durante a carreira.
As marcas máximas (en minutos) exixidas para a superación da proba son:
Homes: 3,30´.

Mulleres: 4,10´.

A.1.5. Proba de natación: 25 metros estilo libre.

Realizarase nunha piscina que permita efectuar o percorrido sen facer viraxes.
O/a aspirante poderá colocarse para a saída, ben sobre a plataforma, ben no bordo da piscina, ou ben no interior do vaso, debendo permanecer neste último caso en contacto co bordo da saída.

Unha vez que se dea o sinal de saída, os/as aspirantes, ben en mergullo ou por impulsión sobre a parede, segundo a situación de partida adoptada, iniciarán a proba empregando calquera estilo para a súa progresión.

As marcas máximas (en segundos) para a superación da proba son:

Homes: 24´´.

Mulleres: 28´´.

A.2. Proba de avaliación dos coñecementos.

A proba de avaliación dos coñecementos dos/as aspirantes deberá amosar a súa preparación intelectual e o dominio dos contidos do temario que se inclúe no punto B deste anexo.

Consistirá na contestación por escrito dun cuestionario de 100 preguntas tipo test, con 4 alternativas de resposta cada unha, que serán propostas polo tribunal. Os/as aspirantes disporán dun tempo máximo de dúas horas para a súa realización.
A proba será cualificada polo tribunal de cero a dez puntos, sendo preciso acadar cinco puntos como mínimo. A cualificación farase atendendo a seguinte fórmula:

N= (A-F/3)/10.

Sendo N= nota final da proba; A= preguntas acertadas; F= preguntas falladas ou non respondidas.

A.3. Probas psicotécnicas.

Estas probas están dirixidas a determinar as actitudes e aptitudes persoais dos/as aspirantes e a súa adecuación ás funcións policiais que deberán desempeñar, comprobando que presentan un perfil psicolóxico axeitado. Terán que efectuarse e valorarse por persoal especialista.
A cualificación global será de apto/non apto.

A.3.1. Proba de intelixencia.

Realizarase unha valoración do nivel intelectual e doutras aptitudes específicas, explorando todos ou varios dos aspectos seguintes: intelixencia xeral, comprensión e fluidez verbal, comprensión de ordes, razoamento cognitivo, atención discriminativa e resistencia á fatiga intelectual.
A.3.2. Probas de personalidade.

As probas de personalidade orientaranse a avaliar os trazos da personalidade máis significativos e relevantes para o desempeño da función policial, así como o grao de adaptación persoal e social dos aspirantes. Así mesmo, deberá descartarse a existencia de síntomas ou trastornos psicopatolóxicos e/ou da personalidade.

Exploraranse os aspectos que a continuación se relacionan: estabilidade emocional, autoconfianza, capacidade empática e interese polos demais, habilidades interpersoais, control axeitado da impulsividade, axuste persoal e social, capacidade de adaptación a normas, capacidade de afrontamento do estrés e motivación polo traballo policial.

Os resultados obtidos nas probas deberán ser obxecto de contraste mediante a realización dunha proba individual, que consistirá na contestación a un cuestionario, formulado verbalmente, coa finalidade de valorar tamén o estado psicolóxico dos candidatos. Deste modo, á parte das características de personalidade sinaladas anteriormente, exploraranse, ademais, os seguintes aspectos: existencia de niveis disfuncionais de estrés ou de trastornos do estado de ánimo; problemas de saúde; consumo excesivo ou de risco de alcohol ou outros tóxicos e grao de medicación; expectativas respecto da función policial.

 

A.4. PROBA DE RECOÑECEMENTO MÉDICO.

O recoñecemento médico será efectuado por facultativos especialistas e o seu fin é garantir que os/as aspirantes estean en condicións idóneas para o exercicio das funcións policiais propias do posto de traballo.

Cualificarase como apto/non apto.

Para os efectos da exclusión do/a aspirante, terase en conta o seguinte:
1. Obesidade-delgadeza.

Obesidade ou delgadeza manifestas que dificulten ou incapaciten para o exercicio das funcións propias do cargo.

Índice de masa corporal (IMC) non inferior a 18,5 nin superior a 29,9. Considerando o IMC como a relación resultante de dividir o peso da persoa expresado en quilos polo cadrado da estatura expresada en metros.

  1. Calquera enfermidade, padecemento ou alteración de carácter físico, psíquico ou sensorial que, a xuízo dos facultativos médicos, impida, limite ou dificulte o exercicio das funcións policiais.

Para os diagnósticos establecidos neste anexo teranse en conta os criterios das sociedades médicas das especialidades correspondentes.

As exclusións garantiranse coas probas complementarias necesarias para o diagnóstico.

A.5. PROBA DE COÑECEMENTO DA LINGUA GALEGA.

A proba de coñecemento da lingua galega estará dirixida á comprobación, por parte do tribunal, de que os aspirantes comprenden, falan e escriben correctamente o galego, someténdoos á proba ou probas que consideren máis adecuada/s.

Esta proba será eliminatoria e cualificarase de cero a tres puntos, sendo preciso acadar unha puntuación de un con cinco puntos como mínimo para superala.

B. TEMARIO.

  1. O Estado. Concepto. Elementos. A división de poderes. Funcións. Organización do Estado español. Antecedentes constitucionais en España. A Constitución española de 1978. Estrutura e contido. A reforma da Constitución española. O Estado español como Estado social e democrático de dereito. Dereitos e deberes constitucionais; clasificación e diferenciación.
  2. 2. Dereitos fundamentais e liberdades públicas I: Dereito á vida e integridade. Liberdade ideolóxica, relixiosa e de culto. Dereito á liberdade e seguranza. Dereito á honra, á intimidade persoal e familiar e á propia imaxe. A inviolabilidade do domicilio e o segredo das comunicacións. A liberdade de residencia e de circulación. O dereito á liberdade de expresión recoñecido no artigo 20 da Constitución.
  3. Dereitos fundamentais e liberdades públicas II: Dereito de reunión. Dereito de asociación. Dereito á participación nos asuntos públicos e ao acceso a funcións e cargos públicos. A tutela xudicial efectiva e a prohibición de indefensión. A imposición de condena ou sanción do artigo 25 da Constitución, sentido das penas e medidas de seguranza. Prohibición de tribunais de honra. O dereito á educación e a liberdade de ensino. Dereito á sindicación e á folga, especial referencia aos membros das forzas e corpos de seguranza. Dereito de petición.
  4. 4. Dereitos e deberes dos cidadáns. Os principios reitores da política social e económica. As garantías dos dereitos e liberdades. Suspensión xeral e individual destes. O Defensor do Pobo.
  5. 5. A Coroa. As Cortes Xerais. Estrutura e competencias. Procedemento de elaboración das leis. Formas de Goberno. O Goberno e a Administración. Relacións do Goberno coas Cortes Xerais. Funcións do Goberno.
  6. 6. O Poder Xudicial. Principios constitucionais. Estrutura e organización do sistema xudicial español. O Tribunal Constitucional.
  7. 7. Organización territorial de Estado. As comunidades autónomas. O Estatuto de autonomía de Galicia. Estrutura e disposicións xerais. Institucións: Parlamento. Presidente e Consello de Goberno. O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. O Valedor do Pobo.
  8. 8. Relación da Xunta de Galicia coa Administración do Estado e con outras comunidades autónomas. Competencias da Comunidade Autónoma de Galicia. A reforma do Estatuto de autonomía de Galicia.
  9. 9. O dereito administrativo. Fontes e xerarquía das normas.
  10. 10. O acto administrativo. Concepto. Elementos. Clases. A validez dos actos administrativos; nulidade e anulabilidade. Notificación de actos administrativos. Cómputo de prazos. Recursos administrativos. Alzada e reposición; o recurso extraordinario de revisión.
  11. 11. O procedemento administrativo. Concepto e principios xerais. Clases. Os interesados. A estrutura do procedemento administrativo.
  12. O réxime local español. Principios constitucionais e regulación xurídica. Tipos de entidades locais.
  13. 13. O municipio. Concepto e elementos. Competencias municipais. A provincia: concepto, elementos e competencias. A organización e funcionamento do municipio. O Pleno. O alcalde. A Xunta de Goberno local. Outros órganos municipais.
  14. 14. Ordenanzas, regulamentos e bandos. Clases e procedemento de elaboración e aprobación.
  15. 15. A licenza municipal. Tipos. Actividades sometidas a licenza. Tramitación.
  16. 16. Función pública local. A súa organización. Adquisición e perda da condición de funcionario. Dereitos, deberes e incompatibilidades dos funcionarios. Situacións administrativas.
  17. Lei orgánica de forzas e corpos de seguranza. Funcións da policía local.
  18. 18. Lei de coordinación das policías locais de Galicia e normas de desenvolvemento. Réxime disciplinario: disposicións xerais e faltas disciplinarias.
  19. A actividade da policía local como policía administrativa I: consumo. Abastos. Mercados. Venda ambulante. Espectáculos e establecementos públicos.
  20. 20. A actividade da policía local como policía administrativa II: urbanismo. Infraccións e sancións. A protección ambiental: prevención e calidade ambiental, residuos e disciplina ambiental.
  21. 21. A Lei de emerxencias de Galicia: aspectos fundamentais.
  22. 22. Delitos e faltas. Circunstancias modificativas da responsabilidade criminal. Persoas responsables: autores e cómplices. Graos de perfección do delito.
  23. 23. Delitos cometidos con ocasión do exercicio dos dereitos fundamentais e das liberdades públicas garantidos pola Constitución. Delitos cometidos polos funcionarios públicos contra as garantías constitucionais.
  24. 24. Delitos contra a Administración pública. Atentados contra a autoridade e os seus axentes. Desordes públicas.
  25. Homicidio e as súas formas. Faltas contra as persoas. Delitos e faltas contra o patrimonio e a orde socioeconómica.
  26. 26. Delitos contra a seguranza viaria. Faltas cometidas con ocasión da circulación de vehículos a motor. Lesións e danos imprudentes.
  27. 27. O atestado policial na Lei de axuizamento criminal. Concepto e estrutura
  28. 28. Detención: concepto, clases e supostos. Prazos de detención. Obrigas do funcionario que efectúa unha detención. Contido da asistencia letrada. Dereito do detido. Responsabilidades penais en que pode incorrer o funcionario que efectúa unha detención. O procedemento de habeas corpus.
  29. 29. Lei de seguranza viaria. Regulamentos de desenvolvemento. Estrutura e conceptos xerais.
  30. 30. Normas xerais de circulación: lugar na vía, velocidade, prioridade de paso, cambios de dirección e sentido. Adiantamentos. Parada e estacionamento.Vehículos e transportes especiais. Cinto e casco de seguranza.
  31. 31. Circulación por zonas peonís. Comportamento en caso de emerxencia. Sinais de circulación. Clasificación e orde de prioridade.
  32. Procedemento sancionador por infraccións á normativa de circulación. Actuacións complementarias. Inmobilización e retirada de vehículos da vía pública. Carencia do seguro obrigatorio.
  33. 33. Accidentes de circulación: definición, tipos e actuacións da policía local. Alcoholemia. Datos. A súa consideración segundo a normativa vixente. Procedemento de indagación do grao de impregnación alcohólica.
  34. 34. Estrutura económica e social de Galicia: demografía, economía, servizos públicos, sociedade civil, novas tecnoloxías, patrimonio ecolóxico, social e cultural.
  35. 35. Vida en sociedade. Proceso de socialización. Formación de grupos sociais e masas. Procesos de exclusión e inclusión social. A delincuencia: tipoloxías e modelos explicativos.
  36. Comunicación: elementos, redes, fluxos, obstáculos. Comunicación con superiores e compañeiros. Equipos de traballo e atención á cidadanía.
  37. 37. Minorías étnicas e culturais. Racismo e xenofobia. Actitude policial ante a sociedade intercultural.
  38. Igualdade de oportunidades de homes e mulleres en Galicia: conceptos básicos; socialización e igualdade; políticas públicas de igualdade de xénero. Violencia contra as mulleres: descrición, plans de erradicación e atención coordinada ás vítimas.
  39. A policía na sociedade democrática. O mandato constitucional. Valores que propugna a sociedade democrática. A dignidade da persoa. Sentido ético da prevención e a represión.
  40. 40. Deontoloxía policial. Normas que a establecen. A policía como servizo público.
Publicado por Atel en Policía, 0 comentarios